ÁFRICA GONZÁLEZ

Doutora

Doutora en Medicina e Cirurxía, é catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, onde lidera un grupo de investigación de Inmunoloxía. É presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. É un referente a nivel nacional e internacional en Inmunoloxía básica e aplicada; o seu traballo actual céntrase en desenvolver unha vacina para tuberculose, así como en Nanomedicina e estudo da toxicidade de nanomateriais. Traballou co Dr. César Milstein (premio Nobel pola tecnoloxía dos anticorpos monoclonales) en Cambridge. Desenvolve unha intensa actividade científica e ten un compromiso coa divulgación, sendo convidada a distintos foros. Recentemente foi nomeada a muller innovadora a nivel europeo por promover a empresa NanoImmunoTech.

eduMOTIVAcon ÁFRICA GONZÁLEZ

VISITA

Instalacións do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO)

O obxectivo é amosar á sociedade o Centro de Investigacións Biomédicas, as súas instalacións, o persoal que traballa, as actividades que realiza. Ten como finalidade abrir as portas do centro para que coñezan o que facemos, para motivar ás novas xeracións.

Público ao que vai destinado: público en xeral, de máis de 12 anos. Un grupo non moi numeroso (máximo 25 persoas)

CHARLA

VACINAS: Por que debemos vacinarnos?

A vacinación é unha das prácticas médicas que máis vidas salvou, xunto coa hixiene e os antibióticos. Hai diversas vacinas que levaron a erradicar (como as vexigas) ou a diminuír case por completo enfermidades como a polio, toseferina ou tétanos. Hai distintos tipos de vacinas, e non só se usan para previr, senón tamén poden empregarse para tratar enfermidades (alerxia, cancro).

CHARLA

NANOMEDICINA: realidade ou ficción?

Os nanomateriais son elementos moi moi pequenos (de tamaño nano), con propiedades especiais, e estánselles atopando miles de aplicacións diferentes. Unha delas é no campo médico, onde quere aplicarse a novos métodos de diagnose, imaxe e terapia. Pero, estamos xa ante unha realidade, ou a nanomedicina é máis unha ciencia ficción?

CHARLA

TERAPIA BIOLÓXICA: que é?

Nos últimos anos incrementáronse o número e tipo de terapias dispoñibles para distintas enfermidades, como cancro, enfermidades autoinmunes, dexeneración macular, que se coñece de forma xenérica como terapia biolóxica. O uso de compoñentes biolóxicos tales como anticorpos, células, proteínas solubles, células modificadas xeneticamente, está a abrir a posibilidade de curación a moitos pacientes.

REALIZA A TÚA SOLICITUDE
Escribe en menos de 150 caracteres por que a experiencia solicitada é interesante para o voso centro educativo